UTOPIA - FORO

viernes, octubre 12, 2007


UTOPÍA-FORO COMENZA O DEBATE DA ESQUERDA que ate agora estivo sendo realizado na rede.


O XOVES 25 DE OUTUBRO UTOPIA FORO realizará o seu primeiro DEBATE... Mais información en

martes, octubre 04, 2005




UTOPÍA-FORO abre un debate sobre a esquerda que hoxe se necesita.

Paréce-nos necesário abrir un debate sobre a situación da esquerda e sobre a adaptación desta ás novas esixencias e retos que se plantexan hoxe no mundo. É evidente que que os cámbios radicais habidos nos últimos anos na humanidade non foron seguidos por cámbios similares na esquerda que, lonxe de adiantarse , vai a rastras deles. Non se trata de deshacer-se dos princípios, tráta-se de adaptalos para que teñan efectividade e non morran pola inoperancia e o posibilismo dos vendidos e derrotados. No espazo no que nos movamos, grande ou pequeno, paréce-nos inaprazabel comezar canto antes este debate. É polo que UTOPÍA-FORO abre esta páxina para recibir todas as aportacións que se queiran facer neste sentido e que rematarán cunha DECLARACIÓN-MANIFESTO no que se resuma as propostas aceptadas.



Este texto foi apresentado en UTOPIAFORO.Precisamos que pode servir de base para abrir un debate publico sobre a esquerda que se precisa hoxe.


COMEZAR DESDE CERO

Se a verdade é sempre revolucionária
asumamos a verdade sen reserva algunha


Apuntes sobre o fracaso da esquerda.

Cada vez é máis evidente que todo o proxecto da esquerda fracasou. Analizar o momento preciso no que comeza o erro e as causas do fracaso levaría-nos a un analise tan complexo e extenso que sería imposible facer aquí.
Poderíamos plantexar que a caída do muro de Berlín é a visualización deste inmenso, doloroso e traumático fracaso. Pero aínda que a imaxe dun muro que separa dous sistemas antagónicos derrubado por cidadáns de ambas partes co fin de que o sistema gañador exténda-se por todo o planeta e moi publicitário, aquilo que coñeceu-se como “socialismo real” levaba morto quizáis desde a morte de Lenin ou quizás nunca chegou a nacer.

A esquerda que conseguiu conquistar o poder no chamado “bloque socialista” nunca implantou un sistema socialista, muito menos comunista, tampouco libertário. Foi capitalismo de estado con adoctrinamento de socialismo manipulado. Foi social fascismo. Foi o oposto ao que tiña que ser: LIBERDADE, SOLIDARIEDADE, XUSTIZA E IGUALDADE.

A esquerda que organizou-se nos países do rexime capitalista, ou xogou como un peón movido por intereses do bloque do “socialismo dexenerado” e acabou por ser unha esquerda burguesa absolutamente adaptada ao sistema democrático burgués; ou ben criticou a “ desviación” do “socialismo real” sen decatarse de que as causas desa dexeneración estaban implícitas do mesmo xeito no que eles defendían. Esta esquerda tampouco defendeu nunca un verdadeiro socialismo senón un pouco menos de dexeneración que a do “socialimo real”. Non foron quen de buscar as causas de aquel desastre nen desligarse radicalmente dele.

Sen ningún tipo de matiz ou discusión temos que asumir:

- QUE A EXPERIENCIA DA ESQUERDA NO PODER FOI UN FRACASO DE PROPORCIONS XIGANTESCAS, EN ESFORZO, VIDAS HUMANAS E DESPRESTÍXIO PARA O SOCIALISMO.
-
- QUE O FRACASO NON XUSTIFÍCA-SE UNICAMENTE POLA PERVIVENCIA E AGRESIÓN DO BLOQUE CAPITALISTA, SE NON POR ERROS TEÓRICOS, TÁCTICOS E ESTRATÉXICOS DO SOCIALISMO.
-
- QUE A PARTIR DA NEFASTA EXPERIENCIA DO “SOCIALISMO REAL” É POSIBLE QUE PALABRAS COMO “SOCIALISMO” E “COMUNISMO” QUEDEN PARA SEMPRE UNIDAS A PALABRAS COMO REPRESIÓN, CENSURA, ALIENACIÓN, BUROCRÁCIA E FALTA DE LIBERDADE. Dependerá daqueles que hoxe e no futuro loiten baixo esas bandeiras que cuncha practica inteligente, xusta e libre, poidan volver a ser sinónimo de paz, de liberdade, de solidariedade e bnestar común.
-
- QUE É NECESARIO ABANDOAR TODA ESPERANZA, COMPLACENCIA OU BENEVOLENCIA PARA OS DERRADEIROS FLECOS QUE QUEDAN NA ACTUALIDADE DO “SOCIALISMO REAL”: CHINA, CUBA, VIETNAM, LAOS, COREA DO NORTE, BIRMÁNIA... No caso dalgúns países como Cuba nos que o sistema ten rasgos positivos (escolarización, medicina, ningún neno con fame, baixa mortandade infantil, etc.) e que enfrontan-se coas súas cativas forzas ao monstruoso imperio USA despertando a nosa simpatía e emotividade, non pode ofuscar a nosa inteligencia e o nosa tranquila capacidade de análise para facernos ver que lonxe está ese sitema das utopías que moveron e moverán á verdadeira esquerda. DEBEMOS SER OS MÁIS INTERESADOS EN DENUNCIAR ESTES ANACRONISMOS DEXENERADOS MANTIDOS NO NOME DO SOCIALISMO PORQUE A PERVIVENCIA DESTES ENXENDROS POLÍTICOS ESTÁ A DESPRENTIXAR E ENLAMAR A CAUSA MÁIS FERMOSA E NOBLE QUE TEÑA ALUMEADO A HUMANIDADE: O RESPEITO A VIDA, A LIBERDADE, O BEN COMÚN E A FELICIDADE DE TODOS.

- Que o inimigo do noso inimigo non é noso amigo, porque, ás veces, é peor
que el. E non hai peor inimigo que o que comete crimes no noso nome.


Unha vez asumido o erro histórico do “socialismo real”; unha vez asumido que nada queremos ter en común con ESE socialismo, nen co dos países nos que aínda pervive, que non somos herdeiros, nen fillos políticos dele, que nen asumimos a súa história nen os seus erros, nen os seus crimes, nen sequera os seus acertos, porque un logro que fora conquistado sobre a morte dun inocente non é máis que o embrión da derrota futura.

Asumir que hai que voltar a comezar supón pór todo en cuestión desde o princípio. Non ao socialismo como utopía dun mundo máis xusto, máis humano, máis racional, máis armónico e máis solidário; senón a experiencia histórica habida no nome do socialismo nos chamados “países socialistas”.

A lei da plusvalía e inexorable: o único xeito de acumular riqueza e ficar con parte do traballo realizado por outro e isto sempre será inxusto porque sempre povocará a desigualdade entre os seres humáns. E esta inxustiza e indiferente para a mayoría pero sempre será insoportable para algúns. E ese mal estar sempre rematará empurrando a eses “algúns” a luitar contra o inxusto. E sempre albergará en alguén a esperanza dunha sociedade na que ninguén quede con parte do traballo do outro, ninguén teña máis que outro, ninguén viva mellor que outro.


(I)ANTES DE MOVERNOS PRECISAMOS SABER CARA ONDE NOS DIRIXIMOS, QUE VEHÍCULO IMOS EMPREGAR, QUE EQUIPAXE PRECISAMOS, DESDE ONDE PARTIMOS.

Poucos sectores na esquerda quedan que non rexeiten, tal como foi, o paso polo poder do “socialismo” durante o século XX.
Remataron por criticar a experiencia do “socialismo real” tanto a esquerda acomodada ao rexime burgués que abandoou a luita de clases e, polo tanto, en nengún momento se plantexa o derrocamento do sistema capitalista senón simplemente a alternancia con el (socialdemocracia, neocomunistas, nacionalistas domesticados); como a esquerda que plantexa que o capitalismo é a causa da desigualdade, a inxustiza e a destrucción do home e da natureza, e polo tanto é imprescindible desaloxalo do poder. Nunca máis clara que hoxe apareceu a disxuntiva de”socialismo ou barbarie”; porque os bárbaros chegaron a unha destrucción inimaxinable. É nesta esquerda anticapitalista onde sitúase ideolóxicamente UTOPÍA-FORO.

(II)ANALIZAR,DEBATER,DEFINIR...

¿Cal é o papel que pensamos que deberia cumprir un foro de debate libre e sen ningún vasalaxe a partido, sindicato ou organización? Pensamos que na medida de nosas forzas deberiamos servir para crear un ESPAZO COMÚN e un lugar de analise e debate na esquerda anticapitalista. E é esta esquerda a que precisa plantexar cal é a súa función, cal é a súa luita e que métodos se empregan, cales son os instrumentos que se precisan, que cambios teñen ocorrido e como adaptarse a eles, que formas de organización se precisan. Descubrir, crear ou inventar alternativas a todo o sistema de vida burgués porque unha ideoloxía é máis que economía. Temos que voltar a aprender a pensar e a comunicarnos, a relacionarnos, a sentir, a luitar. Trátase de non esgotarnos matizando e matizando sobre como será a meta, senón de descubrir o camiño preciso, xusto e inquebrantable que debemos emprender, mudar a forma de camiñar. Non serve vivir como vive o noso inimigo de clase e xustificalo con un “que lle vou facer, teño contradicións”. Despois de desandar o nefasto traxecto polo que o socialismo camiñou no derradeiro século, voltos ao lugar de orixe, en pé, dispostos a dirixirnos de novo á máis fermosa das metas, poñémonos a debater públicamente que camiño tomar, como facelo para non voltar a fracasar, a preparar a equipaxe desfacéndonos de prendas inservibles, de pesos innecesarios, de cachivaches obsoletos. Nese momento no que voltamos ao lugar de partida trátase de criticar, buscar, crear, descubrir, analizar, decidir que novo camiño hai que emprender. Sabendo que só temos unha certeza: que o que nos trouxo até aquí non servía. E a proba irrefutable é que se servira levarianos a un lugar ben distinto.
É nese lugar onde desexa situar o debate UTOPÍA-FORO.

(III)UNIDADE ANTICAPITALISTA

Esta esquerda hoxe atomizada e chea de “tics”obsoletos, en perpetua división da subdivisión, atrapada entre o canto de serea da”democracia burguesa”que a leva a ser acólito patético dunha procesión na que xamáis terá vela; e a inutilidade da súa propia impotencia xerada pola súa debilidade, división, incoherencia e alineación. Esta esquerda ou é quen de desembarazarse de todo o que ten de vello e inútil, de crear un proceso de suma e unión, buscando ESPAZOS COMÚNS, invertindo máis tempo en deixar patente o que nos une no lugar do que nos diferencia; ou seguirá a queimar esforzos na marxinalidade, a inoperancia e a melancolía. Ou fai un gran esforzo de intelixencia, de flexibilidade, de unidade ou estará condeada a ser os catro pintorescos das democracias burguesas.
UTOPÍA-FORO como pequeno laboratório no que ensaiar experiencias de unidade, no que descobrir cal é o denominador común sobre o que actuar.
En crear as condicións para que ese achegamento sexa posible, aínda que sexa como xesto simbólico, como experiencia-exemplo, aínda que sexa mínima: todo o que pasa en pequeno pode pasar en grande.
Nesa batalla por crear experiencias novas de unidade pretendería desenrolar a súa actividade UTOPÍA-FORO.
¿Que novas estructuras? ¿Que novas formas organizativas? ¿Que novos métodos de luita? ¿Que novo funcionamento?

(IV)DEFENSA,RESISTENCIA,ATAQUE

- AS ORGANIZACIÓNS DE DEFENSA:
tratan de negociar ou arrincar melloras (case sempre económicas) ao capitalismo. Os sindicatos son o seu mellor exemplo. Nas economías máis potentes chegaron a ser o medio de control do capitalismo sobre os traballadores; a cambio deste favor o capitalista permítelles coseguir algún tipo de melloras que os xustifiquen diante da clase traballadora. Son xa única e exclusivamente oficiñas de solucións de trámites.
O benestar e o alto poder adquisitivo acadados polos traballadores nos países industrializados, unido á perda total de solidariedade destes cos traballadores en precario ou en paro, fan que as posibilidades de luita política da clase traballadora sexan prácticamente nulas.
“Tes calquera problema no curro e polo menos tes un avogado”. Esta frase resume o que son os sindicatos. Milleiros de carnets destas organizacións chean as carteiras de milleiros de persoas “por se pasa algo no curro”. Dado que na práctica existe o despido libre, o único que pode pasar no curro é que te despidan e para o único que te van a servir os sindicatos é para decir cantas pelas te corresponden. As contadas excepcións nas que as cousas non suceden así non sirven nin para telas en conta.
Non cremos que os sindicatos máis radicais realmente sexan esencialmente algo distinto aos maioritários.
E algún que poidera diferenciarse, tal como funciona o sistema e tal como é a dinámica que arrastra seguirá a ser marxinal e testimonial, e no caso que comezara a crecer e fortalecerse fomentaríase dentro outra escisión que voltara a debilitalo.

- AS ORGANIZACIÓNS DE RESISTENCIA:
mudar a actitude ante a doma, a resignación e a alineación que o sistema pretende. O poder estará sempre organizando toda a vida dos cidadáns co fin de que estes funcionen sen resistencia algunha aos seus plans. Precisa homes masa que obedezan, non pensen, non teñan criterio propio, teñan medo á soedade fora do grupo, non se rebelen, e resposten ás pulsións que a eles lles interesa.
Tendo en conta os inmensos recursos e á sofisticadísima tecnoloxía que empregan, é obvio que acadaron o seu fin. O que non impide que con multitude de individuos non dera resultado este tratamento de cosificación e alineación. Eses elementos inmunes ao seu tratamento son os cidadáns resistentes ao seu control absoluto.
Esta minoría de cidadáns-humanos que souberon e lograron seguir sendo persoas nun mundo de alienados son a única pedra no zapato do sistema. Aínda que semella que pola minoría que son non teñen grande importancia, na realidade son de vital importancia como o demostra a inmensa cantidade de efectivos, cartos e tecnoloxía que o sistema gasta no seu control e erradicación. Para o poder son insoportables xa que están a demostrar que a pesar de ser exercido de todos os xeitos posibles, desde a brutalidade extrema á sofisticación máxima nunca lograron que nun só segundo da súa historia conseguiran erradicalos. SON A PROBA DO SEU FRACASO, DA SÚA IMPOSIBILIDADE PARA ACADAR O DOMÍNIO ABSOLUTO SOBRE A POBOACIÓN.
Son a esperanza da humanidade, o optimismo da historia, a demostración de que no home habita unha lapa de vida e de xustiza indestructible.
Estes cidadáns-humanos, sós ou na compaña de outros, adícanse a resistir e boicotear. Incumplen leis, poñen todos os atrancos que poden ás normas máis inxustas do poder. Saben que dun enfrontamento aberto co poder sairían aplastados pero o seu espírito de xustiza impídelles permanecer impasibles diante de todas as inxustizas do sistema.
É o paso máis básico de resposta política, de luita.
Aquí deberíamos situar a UTOPÍA-FORO e a todas as organizacións de resistencia anticapitalistas que se moven na legalidade ou na permisividade do sistema. É necesario que todos aqueles que dun xeito individual resisten e luitan contra o sistema únanse con outros como eles para que esa resistencia e loita, por minima que sexa, poida ser máis eficaz e gratificante. Xuntos somos fortes, sós somos débiles e fáciles de vencer. Non hai máis armas que a da intelixencia, a unión e a resolución.

- AS ORGANIZACIÓNS DE ATAQUE:
é obvio que é necesario algo máis que resistir, é necesario luitar.. Precísanse cidadáns que esquezan o ben privado en función do ben común, que dean o salto da luita pasiva á luita activa. Que ataquen ao sistema desde todos as frentes.
-¿qué tipo de organización se precisa?
-¿qué métodos de luita?


(V)COHERENCIA

Deseñar un modelo de vida alternativo ao sistema capitalista no que vivimos. Tentar de vivir esa alternativa, ou o que é o mesmo ser coherentes co que defendemos. Axeitar a nosa vida á nosa utopía, os principios que defendemos á nosa vida concreta.
Vencer o individualismo, o egoísmo e o mercantilismo bases do sistema.

Rachar a inercia desa esquerda que reduce a súa luita (no mellor dos casos) a arrincar melloras económicas ao sistema mentres vive a súa vida diaria cos comportamentos, os principios, a moral, as normas e a ideoloxía do sistema.
A alternativa ao poder capitalista non é só unha alternativa económica senón unha alternativa ideolóxica, vital, unha alternativa ao que conforma a totalidade da vida. A VIDA DAQUELES QUE DESEXAN UN MUNDO NOVO NON PODE SER O VELLO ESTILO DE VIDA DO NOSO INIMIGO, TEN QUE SER UNHA VIDA NOVA, TEN QUE ANUNCIAR O MUNDO POLO QUE SE ESTÁ A LUITAR.

En xeral a vida daqueles que luitan por unha alternativa a este desastre en nada se diferencia daqueles que defenden este desastre. Sabemos que a coherencia absoluta é imposible pero a contadicción entre vida e teoría convirte a teoría nun ridículo. Nada perxudica tanto a unha causa como mirar que quen a defende vive en contradicción con ela.
Incidir sobre todas as frontes. Debe quedar claro que en todas as ordes da vida hai outra alternativa distinta á que ofrece o sistema: desde a alimentación ao lecer, desde a arte ao consumo, desde as relacións humanas aos comportamentos sociais.
En UTOPÍA-FORO tratamos desde o princípio de abrir tamén este debate.

UTOPÍA-FORO:ANO E MEDIO DUNHA EXPERIENCIA ESPERANZADORA

Crear UTOPÍA-FORO era unha esixencia por todo o plantexado até aquí. Na súa xestación interveñen comunistas, anarquistas, anarco-comunistas e independentistas. En embrión, estaban as distintas correntes anticapitalistas.
A dificultade de traballar conxuntamente vindo de experiencias tan distintas non foi pequena. Aínda que se estaba dacordo no proxecto a grandes rasgos houbo que facer fronte a métodos de traballo distintos, a vicios políticos transmitidos pola esquerda ao longo dos anos, a prexuízos que nen sequera sabiamos que existían, ou que criamos que o tempo fixera esquecer. Incríblemente aparecen debates continuación dos acontecidos na Guerra Civil entre o comunismo e o anarquismo, entre o anarquismo radical e o anarquismo posibilista...¡Setenta e cinco anos despois!
E unha Santa Compaña de vellos mitos voltan do máis alá: Durruti, Ibarruri, Lenin, Montseni...
O descoñecemento que tiñamos unhas ideoloxías das outras, dos seus plantexamentos concretos, da súa historia non manipulada e das súas experiencias acumuladas foi tan sorprendente como alarmante.
Canto máis aparecía todo este cúmulo de problemas, máis obvia facíase a necesidade de realizar unha experiencia unitaria e abrir un foro de debate.
Tratamos de organizar debates que serviran para coñecer e aclarar as dúbidas aparecidas. Tentouse realizar un coas distintas correntes do anarquismo na Galiza, abortado pola imposibilidade de sentalas nunha mesma mesa. Para suplilo organizouse, co apoio dos compañeiros da CNT de Vigo, un debate sobre a figura de Durruti (debate nº 7) que aínda que interesante non serviu para o que pretendiamos: debater sobre as distintas alternativas anarquistas.

Temendo a mesma resposta por parte das distintas correntes do comunismo e do nacionalismo, ambos debates quedaron en proxecto.
O home, con conciencia de clase, que se precisa, o que é quen de ter unha visión global desta luita por riba da súa realidade concreta, das súas filiacións e simpatías, o que é quen de buscar saídas para todos e por todos os da súa clase; quizáis sexa aínda absolutamente minoritario dentro do anticapitalismo, pero se non existe haberá que facer ver que é imprescincible, e luitar por ese cambio de mentalidade tan necesario. Para nada se precisan xa ese torpes e parvos fanáticos incapaces de nengún matiz, agochando a súa ignorancia e a súa ineficacia detrás de luitas intestinas que só favorecen ao inimigo, dispostos a defender a capeliña na que militan contra da capeliña do outro, esquecéndose de todos os demáis e perdendo de vista a meta común a todos. Son enxendros do pasado, producto de anos e anos de dexeneración, un lastre do que se hai que desfacer canto antes. Somos poucos e o noso peor inimigo é que nos separa. OU CHEGAMOS TODOS XUNTOS OU NON CHEGAREMOS XAMÁIS.

Tras uns plantexamentos que non cabe analizar aquí, os compañeiros da CNT acordan pasar de UTOPÍA- FORO. Aínda que non comprendamos o seu desinterese nin a sua falta de explicacións do abandono, temos que asumir o feito como un FRACASO.

¿SOLUCIÓNS DE CLASE OU PARCHEOS-ONG BURGUESES? Pensamos que todos os problemas da sociedade hainos que enfocar desde unha perspectiva de clase, anticapitalista, e que esta actitude burguesa de crear unha ONG para cada problema non agocha máis que un desexo de remendar, de desviar a atención sobre a verdadeira doenza, e de canalizar os desexos de xustiza dun sector da poboación. Non hai solucións parciais aos desastres dun capitalismo cada vez máis destructor, só hai unha única solución: MUDAR DE SISTEMA, a partir de ahí virán as solucións a todos os desastres que ese sistema provocou.

FOROS HABIDOS E EN PROXECTO

Dentro desta idea de afrontar todos os problemas da sociedade desde unha óptica de clase, temos celebrado foros sobre actividades moi diversas: INMIGRACIÓN,(foro nº 1), CIGANOS (foro nº 3), ALIMENTACIÓN (foro nº6), A UTOPÍA EDUCATIVA DE BENPOSTA(foro nº4).

Outra das liñas que pretendimos abrir desde o principio en UTOPÍA-FORO é a de debater sobre determinados países sobre os que nunca están postos os focos dos medios de comunicación é cuxa história, cultura e experiencias de luita nos poden servir para comprender un pouco máis o mundo, ao inimigo e aos nosos. Neste senso organizaronse os foros de ARMÉNIA (foro nº 10) e KURDISTÁN (foro nº 5). A autocrítica feita inmediatamente despois deste último foro por ter dado voz na mesa a un kurdo de dereitas e a un burócrata liberado dun partido, supuxo unha boa forma de aprender das equivocacións.

Pensamos que é un tremendo erro o xeito como, a miúdo, a luita política ignora, aparca ou delega a cultura, a arte, e a creación. No mellor dos casos a actitude cara ese sector de luita importantísimo consiste en organizar a xenios e “xeniecillos” e facer algún paripé anual de “xogos florais concienciados”. Parécenos que ao sistema hai que ofrecerlle alternativas en todas as frontes e empuñar contra él todas as armas posibles, e a fronte da creación e a arma da cultura son imprescindibles, dos máis efectivos e quizáis os que máis perduran. Cos foros sobre CINE NEORREALISTA (foro nº8), CINE NEGRO (foro nº 13), PROPIEDADE INTELECTUAL (foro nº9), intentamos abrir outra liña de debate neste senso.

Outro descobrimento foi comprobar como as novas xeracións (en grado ínfimo) que se achegan á actividade política descoñecen practicamente todo das experiencias concretas de luitas anteriores a elas, tanto a nível local, nacional ou do estado. Co que isto supón de dilapidación dramática dun capital tan necesario de experiencia e formación. A perda deste capital é un feito tráxico pois fai retroceder a luita condenándonos a unha continua acumulación de experiencias que se volven a perder. É a condena de Sísifo que nos conduce á nada. As grandes luitas obreiras de Ferrol e Vigo, as greves estudiantís, as luitas populares dos anos setenta...son prácticamente descoñecidas incluso para sindicalistas e militantes de organizacións de extrema esquerda. Para explicar tal situación teriamos que observar varias causas:

A- O afundimento dos partidos que funcionaron como elementos aglutinadores nos que se formaba e se transmitían as experiencias acumuladas,
B- O aburguesamento, desencanto, traición ou rendición de toda unha xeración que se desorganizou, deixou de loitar ou pasouse a loitar nas filas do inimigo. Esta xeración estaba obrigada a ser a ponte, a conexión co pasado, os que transmitiran a sabedoría acumulada na luita. (“Aos que se deron por vencidos quédalles a amargura da súa cobardía, aos que abandoaron a utopía para poder disfrutar da súa vida-muelle sen mala conciencia quedalles o castigo da fealdade que produce a alineación, aos desencantados da utopía que se encantaron co paraíso capitalista quedalles a condena da súa infelicidade. Para os traidores, a mesma palabra o di...”)
C- A burguesía española decide, durante a Transición, empregar todos os medios dos que dispón para agochar, terxiversar e facer esquecer todo aquilo que poidera favorecer a luita contra ela. A operación esquecemento, “borrón e conta nova”, “ponto final”, reconciliación, etc. supuxo na realidade unha lobotomía que deixou a sociedade sen memoria, sen historia recente, sen experiencias e sen posibilidade de esixir un resarcimento pola represión e os crimes cometidos durante a dictadura sofrida. Hai que lembrar que neste cometido participaron dun xeito absoluto o PCE e o PSOE.

Aquí ábrese un campo de actuación sobre o que é necesario incidir: recuperar a historia do que nos rodea, escoitar aos protagonistas de experiencias de loita que se descoñecen, rescatar do esquecemento todo aquilo que a cultura popular creou e que á cultura oficial non lle interesou gardar, nen protexer, nen transmitir.
Sobre isto tratarían os proxectos que o foro ten sobre un debate sobre as tres greves máis importantes da cidade de Vigo, a recuperación de cancións populares de luita, etc.

Especial atención plantexouse para a realidade cultural, lingüística e histórica na que nos desenvolvemos. Os foros sobre o 25 DE ABRIL (foro nº2) e a conferencia de OTELO SARAIVA DE CARVALHO (foro nº 12) incidiron sobre ese povo do que tiñamos que ser a cabeza no lugar de ser un grao molesto na sien dunha España que nos é axena.

Esta é a história de ano e medio no que a foros de debate se refire. Se temos en conta que este traballo, que supón un esforzo importantísimo tanto organizativo como económico (cartazes, folletos, discos, vídeos, documentos, viaxes...), foi realizado somente por un puñado de persoas e sen subvención algunha, a labor realizada neste ano e medio resulta sorprendente. E maís aínda se temos en conta todo o resto das actividades realizadas por UTOPÍA-FORO.